Resonancias. Foro profesional de instrumentos musicais

Órgano en obras no 800 aniversario da Catedral de Tui
Neste episodio achegámonos ao órgano da Catedral de Tui e a instalación de catro rexistros novos que completano instrumento na celebración do 800 aniversario da súa consagración. Da man de Andreas Fuchs, mestre organeiro do taller Gerhard Grenzing, e Daniel Goberna, prefecto de Música da Catedral, coñecemos as características do novo órgano, a súa relación coas históricas caixas barrocas e as posibilidades musicais dunha construción orientada pola tradición ibérica. Nunha conversa conducida polo xornalista José Font, descubrimos algúns dos aspectos técnicos da organería: os tubos e os rexistros, os mecanismos, os procesos de afinación e os materiais e técnicas empregados na construción. Abordamos tamén a importancia do mantemento e os retos que presenta a conservación destes instrumentos. Unha aproximación ao oficio dos mestres organeiros e aos coñecementos especializados que permiten construír, intervir e conservar un dos instrumentos máis complexos do patrimonio musical. Dirección: Beatriz Fontán Produción executiva e comisariado: Samuel Diz Guión, produción e locución: Beatriz Fontán Produción de son e deseño gráfico: Beatriz Fontán Interveñen: José Font, Andreas Fuchs e Daniel Goberna Música: Allegro en sol, anónimo do século XVIII (Libro de órgano da Catedral de Tui, E-TUY 27/D, caixa 21, n.º 22), na interpretación de Silvia Márquez Chulilla no órgano da Catedral de Tui (2023)
Audio and video play straight from the show's own hosting. PodSubs stores and serves no media.

